7 Xuñ 2009, 11:37p.m.
Unha laretada sen máis
escrita por

6 comentarios

Sempre en Galiza…

Agora que veñen de coñecerse os resultados ds eleicións europeas. Agora que Berlusconi gaña en Italia, Rajoy en España e feijóo na Gaiza, compre lembrar aquela vella laretada da miña primeira época, porque o Fuciñoco volve a estar de actualidade ou se cadra nunca deixou de estalo…

O Fuciñoco era un rapaz da costa ou mellor dito de preto da costa, dos montes que fican ollando para o mar máis sen azos para achegarse máis aló de mollar os pés na ría.

Chamábanlle o Fuciñoco por un suceso de cando era un apenas un neno e xogando co seu irmán remataron fachendando de quén era máis home, se o irmán a arrebolarlle un coio ós dentes ou o Fuciñoco a non se agochar nen se mover do sitio.

Como é de supoñer o desafío rematou en empate e o non baixar ó médico a coserlle os fuciños rematou no alcume merecido do noso protagonista.

O Fuciñoco era un bo rapaz pero non era moi afeizoado ó traballo, pero tamén era moi intelixente, de tal xeito que desenvolveu unha enorme capacidade de analise na percura de xeitos de non traballar.

Así, coidando das vacas na veiga da horta e logo de estar media mañán a correr tras das vacas que unha e outra vez entraban a pacer na ferraña do veciño e sin poder tornalas, acendeu un cigarro, pensou durante uns intres e díxolle ó seu irmán o que ían facer.

Ó pouco, unha das vacas meteuse de novo na leira do veciño e o Fuciñoco deu o sinal. Sairón correndo coas aguilladas na mán e comezarón a repartir paus coma si lles fose a vida en cada golpe. Máis non lle petaron á vaca que se metera na ferralla, non, o reparto de paus foi entre as demáis, que sorprendidas non sabían nen a causa nen a razón de tal malleira.

Repetiron a operación durante certo tempo, cada vez que unha vaca entraba na zoa vedada o Fuciñoco e seu irmán mallaban nas demáis ata facelas esborrecar pola veiga abaixo, ata que un día comprobou que cando unha xata tentaba meterse na finca do veciño as demáis botábanse a ela como tolas, corréndoa a cotenadas, patadas e mesmo mordéndoa nas coxas.

Pasaron os meses e os anos e o Fuciñoco seguía a levar as vacas á veiga da horta, pero chegando alí deitábase a durmir ou a fumar os “ideales” que lle arroubaba ó padriño, polas vacas non había nen conta, tornabanse solas.

As vacas das primeiras malleiras xa non estaban, unhas vendéranse e outras morreran de vellas, pero por algunha razón, cando chegaba a casa unha xata nova que quería pacer na ferraña do veciño, as demais, que nunca levaran un pau nen sabían o por qué de semellante costume, voltábanse contra da infractora, que pronto comprendía que aquela leira estaba prohibida e pronto era a primeira en tomar represalias contra das novatas que se ían incorporando co tempo, mesmo con maior asañamento e crueldade.

Pois ben, aquí estamos, co pobo protexéndose de non se sabe qué, pero votando unha vez máis programas que descoñecen, partidos corruptos e confesos, mallando naqueles ós que acudiran cada vez que lles fagan unha reconversión, ou bueno eso que agora lle chaman ERE….

Fuciñoco, se non foses dun sitio perdido da mariña e pouco leido mesmo agora serías Presidente por UPyD e refundarías GB tras a fusión co PP e o PSOE.