20 Feb 2010, 7:18p.m.
Unha laretada do que me espanta
escrita por

Comentarios desactivados en Danone

Danone

VeciñosO neno aperta a pelota de futbol contra o peito, malia que está sen aire, a fin de contas é un balón amarelo e rechamante, un tesouro para calquer neno de 3 ou 4 anos.

A súa nai e seu pai agardan na cola do centro comercial namentres que a caixeira fala por teléfono e o neno fai saltar a alarma, achegouse demasiado o arco.

Como era previsible a moza da caixa pon mala cara e cando remata de falar por teléfono anúncialle ó home e á muller que non poden levar a pelota, que para iso é necesario mercar “un ciento y la madre” de Danets e ademais non pode engadilos no recibo pois non son “elixibles”.

O pai mira para o neno cunha fonda tristura e sen chistar aproveita que o seu neno está despistado para levalo fora sen que se decate de que xa non terá balón.

Lémbrome dos meus nenos e sinto que a tristura daquel home abáfame o peito, abrindo un pouco máis a fenda que os meus “semellantes” están crebar no meu corazón.

Fico sen capacidade de reacción, penso en dicirlle a caixeira que lle de a pelota que xa pago eu os putos danets, pero logo penso que manda carallo que un teña que ter cartos para que che regalen unha merda de pelota e que aquel neno que non deixaba de ollala coidando que era marabillosa era demasiado pobre ata para mercar unha merda de natillas con galleta.

Logo penso en entrar de novo no Alcampo e mercarlle unha pelota grande e bonita de verdade, pero decátome de que aquela caixeira podía ter feito a vista gorda con aquela pelota de propaganda, a fin de contas a saber cantas lles mangan ó ano e esta ien lles ía  custar un patacón, pero claro, dese xeito malamente ían vender as que tiñan  no centro comercial e sen dúbida actuaba na defensa do seu precario traballo e seguindo estritas ordenanzas corporativas.

Namentres me afundo en contraditorias disquisicións pseudo-filosóficas desaparecen da miña vista pero mantense a presión no meu peito. Parece como si o colesterol se aliase coa conciencia para facerme pasalo mal, cabreándome e sentíndome no seu lugar.

Probablemente aquela caixeira non tivo que emigrar na súa puta vida, nin é negra, nin ven de Africa, nin precisa de vales de comida nos que non teñen cabida as natillas, mesmo sen galleta.

Cágome en Danone, nas danets, en Alcampo e en todo o primeiro mundo no que din que me atopo e no que mercamos natillas de merda con galletas de merda por non facelas na casa.