28 Out 2008, 12:22p.m.
Unha laretada da memoria
escrita por

Comentarios desactivados en O río que lembro

O río que lembro

Escuela del r�o

www.universalocean.es

Lembro cando era cativo a miña nai preparando as cousas para levarme a nadar ó río.

Enchía unha bolsa grande tecida de fios de cores coa toalla, a merenda, a botella para colle-la auga naquela fonte de nome xa esquecido  e, como non, as gafas de mergullar e o meu marabilloso flotador con forma de peixe, branco, azul e de ollos enormes. Non o sabía daquela, pero pronto me convertiría non virtuoso deso que agora chaman “snorkel” os que defenden o Castelán dos ataques perniciosos do Galego.

A eso das tres e media baixabamos cara o río por uns carreiros desaparecidos, algunha veces despois de dar un pequeno rodeo para achegarnos á “Revoltosa” – outro dos meus sitios máxicos – onde trocabamos as carrapuchas da gaseosa por unha fabulosa pelota con forma de balón de reglamento. Normalmente a pelota non sobrevivía ó primeiro día de xogos naquel prado ó voltar do río, pero para mín era un tesouro de valor incalculable.

Polos carreiros chegabamos ata a ribeira do Miño, fronte ó “Club Fluvial“, no que ollaba sorprendido a aquelas xentes que tiñan que pagar por bañarse no mesmo río no que eu pasaba tan contento as horas malia que non houbera trampolín.

Xa na beira do río, tocaba agarda-las dúas horas regulamentarias despois do xantar pois daquela era o costume para evitar o temido corte de dixestión,  pero logo da espera miña nai ataba cun nó forte aquela cordiña de nylon, fina e longa á cola do meu peixe flotador.

Miña nai non sabía nadar e aquela cordiña era toda a autonomía que estaba diposta a concederme, establecendo un  novo xeito de cordón umbilical refundacional, xaquelogo nai non hai máis que unha.

Para un cativiño coma mín era daquela autonomía dabondo, pois coas miñas gafas de mergullar  co  seu tubo para respirar, o meu flotador e un anaquiño da rede das laranxas pasaba a tarde a pillar pequenos peixes con rara habilidade e singular pazencia, peixes que logo deixaba ceibes por ver si os pillaba  outrora cando medraran.

Daquela limitábame a flotar na superficie, metendo a cabeza na auga e respirando polo tubo, movéndome moi despacio contracorrente ou deixandome levar por ela. Cando chegaba ó tope da corda, miña nai turraba dela cara a beira e volta a empezar, unha e outra vez, coa pacencia que so teñen as nais, coal ilusión que so teñen os nenos.

Dende aquela a miña relación cos ríos foi sempre especial, visceral. Aprendín a ama-lo mar, que me enfeitiza e me engaiola, pero cando penso no pracer de bañarme, de nadar, de senti-la auga na pel, a miña cabeza volta a aquel río e a aquelas tardes de verán, de augas mornas e ainda limpas, de pequenos peixes e do sabor do bocadillo, pero sobre toda-las cousas da cordiña que me ataba para sempre á miña nai.